lunes, 8 de diciembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica, por Joaquín Miguel Villa Alvarez (1964-2014) ( X )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

Ese ano 2009 a actividade expositora dos filatelistas da Sociedade continuou sendo moi intensa; e mesmo deu a volta ao mundo. Así, en Luoyang (China) celebrouse en abril a Exposición Mundial de Filatelia 2009, conseguindo o secretario José Ángel Gándara Rodríguez coa súa colección: «Colón, rumbo ás Indias», a medalla de Vermeil Grande. Máis preto, en Irún (España), celebrouse do 6 ao 12 de outubro de 2009 a Exposición Filatélica Nacional Exfilna 2009, á que concorreron 170 coleccións de toda España, 18 delas de Galicia; e de elas tres da Guarda. Era a primeira vez na historia da Sociedade Filatélica que participaban tres coleccións guardesas nun campionato nacional, o que motivou as felicitacións da organización, da Federación Española e de moitos afeccionados á filatelia, xa que non era doado que unha localidade tan pequena como A Guarda levase tal representación. O palmarés alcanzado polas tres coleccións foi ademais moi meritorio: «Colón, rumbo ás Indias» de José Ángel Gándara obtivo unha nova medalla de ouro, «Do mosteiro rural á catedral urbana» de Luciano Lomba a medalla de Vermeil, e a colección «Ese descoñecido principio» de Jorge Martínez Baz, que participaba por primeira vez nun certame nacional, medalla de prata grande, sendo ademais a mellor colección debutante. No mes de novembro dous filatelistas guardesas conseguiron novos éxitos para A Guarda, neste caso na 1ª Mostra Filatélica Perolas do Atlántico, celebrada nas Azores (Portugal): Cristina Domínguez Rotea medalla de Prata Grande e Marta Verde Rodríguez medalla de Prata.[76]

Xa na Guarda, do 30 de outubro ao 3 de novembro de 2009 celebrouse nos salóns do Recreo Artístico Guardés a 26ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2009, coa participación de expositores locais. Era ademais o cuarto dos actos de homenaxe á Sociedade Pro-Monte, nesta ocasión dedicado ao primeiro vicepresidente Vicente de Vicente Vicente. O día da inauguración, 30 de outubro, estivo presente o Subdirector de Correos da República Dominicana que viña de presentar no Centro Cultural o selo da Praza de Santo Domingo na Guarda.[77]

Na Asemblea Xeral Ordinaria do 7 de marzo de 2010 informouse do bo estado das contas da Sociedade, cun saldo favorable de 4.256,43 euros, así como das actividades realizadas ese ano. Pero a novidade máis importante produciuse ao final da Asemblea cando o presidente Juan Álvarez Sobrino anunciou o seu cesamento voluntario por razóns de idade. Formouse entón unha nova directiva coa seguinte repartición de cargos:

Presidente:                             Luciano Lomba Vicente
Vicepresidente:                       Marcelino Portela Lorenzo
Secretario:                              José Ángel Gándara Rodríguez
Vicesecretario:                       Jorge Martínez Baz
Administradora:                     Marta Verde Rodríguez
Viceadministrador:                 Rafael Alonso Gómez
Vogais:                                   Almudena Taboada Lago
                                               Ignacio Rodríguez Álvarez
                                               Lucía Álvarez Sobrino
Cristina Domínguez Rotea
                                               Ramón González González[78]

Como se pode comprobar, o único cambio importante produciuse na presidencia pois os demais directivos eran practicamente os mesmos. Con todo, a chegada dun presidente que non era socio fundador marca, sen lugar a dúbidas, unha nova etapa na historia desta Sociedade filatélica, ratificando ademais o relevo xeracional da institución. O presidente saínte Juan Álvarez Sobrino despediuse de todos os socios cunha carta aberta, publicada no Boletín da Sociedade, na que destacaba o camiño andado ata entón, así como o labor dos directivos durante todos eses anos:

Quiero agradecer a los Directivos y Socios de la Sociedad Filatélica y Numismática Guardesa por todas las atenciones recibidas a favor de mi persona durante tantos años. Unidos como una piña, vosotros, vosotros sois los verdaderos artífices de que nuestra sociedad alcanzara tan alto nivel en la filatelia: local, provincial, regional, nacional e internacional. Orgullo y ejemplo asociativo de A Guarda.[79]

IV. A presidencia de Luciano Lomba Vicente (2010-2014...)

Luciano Lomba Vicente, terceiro presidente da Sociedade Filatélica


Durante os catro primeiros anos de Luciano Lomba Vicente á fronte da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, vivíronse xa anos de plena madureza e apoxeo institucional, coroados por novos éxitos nacionais e internacionais. Por suposto todo iso con moito, moitísimo traballo por detrás.

No ano 2010 a actividade da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa seguiu sendo intensísima. De feito houbo dúas participacións nada menos que no Brasil. En efecto, as coleccións de José Ángel Gándara e Jorge Martínez Baz estiveron na Exposición Filatélica Nacional Sul das Gerais, e as de Jorge Martínez Baz e Luciano Lomba participaron na Exposición Filatélica Internacional de Belo Horizonte. No mes de xuño os directivos Luciano Lomba, Marta Verde e José Ángel Gándara desprazáronse ata Avilés para a clausura de Filatem 2010, asistindo ao seminario de filatelia temática impartido por José Ramón Moreno. Na devandita exposición participaron un total de 86 coleccións de España, Francia, Brasil e Cuba, e catro delas eran de membros da Sociedade Filatélica Guardesa. A colección «Beleza natural» de Marta Verde Rodríguez, que participaban por primeira vez nun certame nacional, foi unha das sorpresas da mostra pois recibiu unha medalla de Vermeil, sendo a segunda mellor debutante. Pero o gran éxito conseguiuno unha vez máis José Ángel Gándara coa súa colección: «Colón, rumbo ás Indias», a cal logrou levarse, trala última deliberación do xurado, o Grande Premio da Exposición con 88 puntos e medalla de ouro, o maior éxito obtido pola súa colección ata entón. Un éxito que se repetiría catro meses máis tarde ao obter a medalla de ouro e premio especial na Exposición Internacional Romafil 2010 celebrada en Roma no mes de outubro. Finalmente, en novembro as coleccións de Marta Verde e Jorge Martínez conseguiron as medallas de Vermeil e Prata Grande, respectivamente, na exposición Iberex-Vigo 2010.[80]

Pouco antes, do 9 ao 12 de outubro celebrouse de novo no Recreo Artístico Guardés a 27ª exposición filatélica da Sociedade, Exfimiño 2010, cun mataselos especial con motivo do Xacobeo para conmemorar o Camiño de Santiago pola Costa. Era o quinto dos actos de homenaxe á Sociedade Pro-Monte, nesta ocasión en honra do primeiro tesoureiro José María González Cividanes, a quen se dedicou un mataselos especial concedido por Correos. Antes de inaugurar a exposición, o representante da Federación Galega de Sociedades Filatélicas, Valentín Suárez Alonso, fixo entrega do Diploma, Medalla e Insignia de Ouro ao Mérito Filatélico de FEGASOFI a Juan Álvarez Sobrino.[81]
Continuara...


[76] Exfimiño, nº 28, maio-agosto 2009, pp. 1-3, e Exfimiño, nº 29, setembro-decembro 2009, pp. 3-4 e 12.
[77] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 67-68; e Exfimiño, nº 29, setembro-decembro 2009, pp. 1-2 e 5-11.Tamén entregóuselle a medalla de ouro ao mérito filatélico de FEGASOFI a José María González Troncoso, Presidente do Grupo Filatélico de Tui.
[78] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 67-69; e Exfimiño, nº 30, xaneiro-abril 2010, pp. 2-4.
[79] Exfimiño, nº 31, maio-xullo 2010, p. 9.
[80] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 70-72; Exfimiño, nº 30, xaneiro-abril 2010, p. 2; Exfimiño, nº 31, maio-xuño 2010, pp. 5-7; Exfimiño, nº 32, agosto-decembro 2010, pp. 4-6; e Exfimiño, nº 33, outubro 201, p. 10.
[81] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 70-72; Exfimiño, nº 30, xaneiro-abril 2010, pp. 1 e 5-8; Exfimiño, nº 31, maio-xullo 2010, pp. 1-4; e Exfimiño, nº 32, agosto-decembro 2010, pp. 1-2 e 11.

No hay comentarios:

Publicar un comentario