jueves, 4 de diciembre de 2014

(A GUARDA) 50 anos de historia da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (1964-2014) ( VII )

por

Joaquín Miguel Villa Álvarez

(historiador)

para a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa con motivo do seu 50 Aniversario
Publicado no libro da Exposición EXFIGALICIA 2014

Dito e feito, aos catro meses, concretamente o 19 de xuño de 2001, celebrouse no local social unha Asemblea Xeral Extraordinaria na que se aprobou por unanimidade a concesión da insignia de ouro da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa ao presidente Juan Álvarez Sobrino. Previamente o secretario leu os méritos que concorrían na súa persoa para ser acredor a tal distinción:

-         Socio fundador
-         Vogal da directiva dende a súa fundación ata o ano 1980; Secretario dende 1981 ata 1996; e Presidente dende 1996.
-         Ao carecer de fondos a Sociedade, «el mesmo era quen adiantaba o diñeiro» para o abono de ata 200 series. Un esforzo económico que fixo posible que a Sociedade se mantivese viva durante tantos anos, e con tantos socios.
-         Creador dos deseños da maioría dos mataselos especiais utilizados na Guarda, ademais do anagrama da Sociedade.
-         Representou a vila da Guarda e á Sociedade en máis de cen exposicións por todo o territorio peninsular.

A entrega desta insignia de ouro a Juan Álvarez Sobrino tivo lugar o sábado 13 de outubro dese ano 2001 con motivo da clausura da exposición filatélica Exgaportem celebrada na Guarda.[45]

Folleto da exposición Exgaportem 2001

Efectivamente, do 6 ao 13 de outubro de 2001 tivo lugar no Recreo Artístico Guardés a 20ª exposición filatélica da asociación, Exgaportem 2001, sendo ademais a 1ª Exposición de filatelia temática de Galicia e Norte de Portugal. Con ela asistimos a un grande salto cara a diante pois se trataba da primeira exposición internacional organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa na súa historia; unha circunstancia que afianzou enormemente o seu prestixio institucional, tanto interno como de cara ao exterior. E é que a devandita mostra, que tiña carácter competitivo, reuniu ás mellores coleccións de Galicia e Portugal, nada menos que 44. Ao mesmo tempo celebrouse un taller para mozos ao que acudiron alumnos de todos os centros de ensino da localidade.[46]

Este grande éxito institucional puxo de manifesto na Asemblea Xeral Ordinaria da Sociedade, celebrada o 20 de abril de 2002, cando se anunciou que no pasado mes de marzo a Federación Galega de Sociedade Filatélicas (FEGASOFI) concedera á Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa a Medalla de Ouro e Diploma ao mérito filatélico. A continuación, tras expoñer o estado de contas, propúxose tamén o nomeamento do socio Ignacio Rodríguez Álvarez como vogal de numismática. E no apartado de rogos e preguntas a vogal Marta Verde formulou que cos selos sobrantes dos abonos se preparasen sobres para que os socios puidesen conseguir os mataselos de Galicia emitidos durante o ano, unha idea acollida con grande satisfacción por parte dos asistentes. Finalmente gardouse un minuto de silencio polo falecemento do socio fundador e Socio de Honra Antonio Rodrigo Pantaleón Saúl.[47]

Do 16 ao 22 de setembro de 2002 celebrouse no Colexio PP. Somascos Exfimiño 2002, a 21ª exposición filatélica da Sociedade, dedicada á xuventude, e patrocinada polo Concello da Guarda e a Confeitaría Estévez. E é que a devandita exposición, así como o mataselos especial, foi unha homenaxe á Confeitaría Estévez con motivo do seu centenario (1902-2002).[48]

Ao ano seguinte, na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o 1 de febreiro de 2003, comunicouse aos socios, entre outras cousas, a suba da cuota de abonamento ata os 70 euros debido a que, polo incremento do prezo das novas series, ao finalizar o ano non había diñeiro abondo. E elixiuse unha nova directiva para os próximos catro anos, producíndose moi poucos cambios con relación á anterior:

Presidente:                             Juan Álvarez Sobrino
Vicepresidente:                       Luciano Lomba Vicente
Secretario:                              José Ángel Gándara Rodríguez
Vicesecretario:                       Antón Ferreira Lorenzo
Administrador:                       Rafael Alonso Gómez
Viceadministrador:                 Ignacio Rodríguez Álvarez
Vogais:                                    Marta Verde Rodríguez
                                               Alfonso Dorado Senra
                                               Enrique Castro Pereira
                                               Manuel Doiro Vargas[49]

Oito meses máis tarde, concretamente o 3 de outubro de 2003, celebrouse unha Asemblea Xeral Extraordinaria co obxecto de aprobar a modificación dos estatutos e cumprir así coa nova lexislación de asociacións. Lidos polo secretario os artigos e capítulos modificados, foron aprobados pola Xeral.[50]

Nese ano 2003 a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa vai vivir a cara e a cruz do éxito filatélico. Por un lado fracasou no seu intento de que a Comisión de Programación de Emisións de Selos e demais Signos de Franqueo dedicase un selo ao monte Santa Trega, quedando así tan emblemática atalaia sen estar representada na filatelia española con selo propio.[51] Non obstante, na 2ª Exposición de filatelia temática de Galicia e Portugal, Exgaportem 2003, celebrada en setembro de 2003 en Caldas dá Rainha (Portugal), o secretario da Sociedade José Ángel Gándara Rodríguez obtivo o Grande Premio da exposición coa súa colección: «Colón, rumbo ás Indias», sendo o maior premio logrado ata entón por un membro da Sociedade Filatélica Guardesa.[52] Un éxito que se repetiría ao ano seguinte, esta vez na 42º exposición filatélica nacional, Exfilna 2004, celebrada en Valladolid en outubro de 2004, obtendo a medalla de Vermeil Grande pola mesma colección.[53] Ao seu regreso, e para compartir a experiencia atesourada, o propio José Ángel Gándara impartiu durante varios domingos no local da Sociedade un curso gratuíto de filatelia temática ao que asistiron diversos socios interesados en organizar os seus selos. Unha labor pedagóxica que mereceu a efusiva felicitación do presidente da Sociedade.[54]

Na Asemblea Xeral Ordinaria do 26 de marzo de 2004 tratouse de novo o difícil estado económico da Sociedade debido aos gastos ocasionados polas cotas das federacións, o boletín, a correspondencia, catálogos, revistas, etc. De feito rematara o ano cun ínfimo saldo de 195 euros. Por iso a directiva propoñía subir a cota anual de 6 a 10 euros, unha medida drástica –era case a dobre– que foi aprobada por unanimidade. E acordouse tamén a domiciliación bancaria das cuotas e abonos dos socios, para lograr así que todos estivesen ó corrente nas súas obrigas, e que a Sociedade non tivese que volver cargar con máis débedas.[55] Ao ano seguinte, na Asemblea Xeral Ordinaria do 16 de marzo de 2005, a directiva informou dos bos resultados desta medida pois a situación económica mellorara lixeiramente pechándose o ano cun saldo favorable de 580 euros.[56] As dificultades materiais da institución foran por fin canalizadas. Agora xa só quedaba seguir crecendo.


Continuara...


[45] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 41-42; e Exfimiño, nº 7, xaneiro 2002, p. 6.
[46] Exfimiño, nº 5, xuño 2001, p. 7; Exfimiño, nº 6, setembro 2001, pp. 1-2; e Exfimiño, nº 7, xaneiro 2002, pp. 2-3.
[47] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 43-45. No mes de maio cambiouse o fecho da porta do local social da rúa Ramón Sobrino nº 8, facéndose catro copias da chave.
[48] Exfimiño, nº 8, xuño 2002, p. 6; e Exfimiño, nº 9, setembro 2002, pp. 4-5 e 7.
[49] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 46-47.
[50] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), p. 48.
[51] Exfimiño, nº 10, xaneiro 2003, p. 1; e Exfimiño, nº 13, xaneiro-abril 2004, p. 1.
[52] Exfimiño, nº 12, setembro 2003, pp. 1 e 7.
[53] Exfimiño, nº 15, setembro-decembro 2004, p. 4.
[54] Exfimiño, nº 15, setembro-decembro 2004, p. 1; e Exfimiño, nº 16, xaneiro-abril 2005, p. 3.
[55] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 49-51; e Exfimiño, nº 17, maio-agosto 2005, p. 3.
[56] Libro de Actas do Grupo Filatélico Guardés (1964-...), pp. 52-53.

No hay comentarios:

Publicar un comentario